Monday 29 de April de 2024

A Xunta estuda colaborar coa Universidade da Coruña nun proxecto innovador para reducir a dispersión da herba da pampa na comunidade


A partir do estudo biolóxico e ecolóxico dun parasito desta especie gramínea invasora, os investigadores desenvolveron unha tecnoloxía que permite utilizalo para reducir a produción de sementes desta planta, limitando así a súa propagación

A Xunta estudará a posibilidade de colaborar con investigadores da Universidade da Coruña (UDC) na aplicación práctica dunha técnica innovadora para axudar a controlar a dispersión da herba da pampa en Galicia, unha especie invasora orixinaria de Suramérica e que ten un importante impacto medioambiental e socioeconómico sobre o entorno no que se localiza.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, reuniuse recentemente con Jaime Fagúndez e María Servia, investigadores do departamento de Bioloxía da Facultade de Ciencias coruñesa e responsables do equipo que desenvolveu unha nova tecnoloxía capaz de empregar como sistema de control biolóxico un parasito desta planta —concretamente, o insecto spanolepis selloanae—.
Tras explicarlle á directora xeral que o referido insecto dana as sementes da herba da pampa, reducindo tanto a súa produción como a súa dispersión, os investigadores da UDC aseguraron que a metodoloxía xa está patentada e mesmo contactaron cunha empresa do sector que validou a solución de control biolóxico que propoñen co obxectivo de poder garantir a súa correcta aplicación e distribución. Ademais, con este sistema apóstase por un remedio que non implica o emprego de químicos.
Neste sentido, ofrecéronse a colaborar coa Xunta para desenvolver novos produtos que poidan ter aplicación práctica en zonas onde estea presente esta planta, poñendo á súa disposición a experiencia acumulada no campo da investigación das especies invasoras, no que levan traballando máis de dúas décadas con traballos destacados como, por exemplo, a coordinación da elaboración da estratexia de xestión da herba da pampa.
Pola súa parte, a directora xeral de Patrimonio Natural lembrou que nos últimos anos e tendo en conta a ameaza que supón esta especie da familia das gramíneas para a biodiversidade galega, a Xunta impulsou diferentes actuacións para tratar de poñerlle coto, como a elaboración da cartografía de detalle da distribución e estimación da abundancia da especie en zonas costeiras da rede de espazos protexidos e as súas áreas limítrofes, ou o deseño e desenvolvemento de actuacións de control e erradicación.
Ademais, cómpre subliñar que a Xunta participa tamén desde hai varios anos no programa LIFE Stop Cortaderia, un proxecto europeo que analiza e trata de lograr a eliminación da herba da pampa na franxa que vai desde a costa oeste de Francia ata o arco norte de España e Portugal, pola que se ten estendido con rapidez.
Por todo iso, Belén do Campo amosouse interesada no sistema de control biolóxico desenvolvido pola UDC, xa que permitiría frear a expansión da herba da pampa na Comunidade e complementaría as accións de eliminación sobre o terreo que se están a executar, polo que emprazou aos responsables da investigación a manter próximos contactos co fin de estudar posibles vías de colaboración.